Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta pon en valor o compromiso do concello da Laracha co Medio Ambiente e a conservación da paisaxe coa concesión da Bandeira Verde de Galicia


O Goberno galego destinará 80,6 M€ en 2023 a accións para preservar os espazos naturais e para apoiar aos concellos na boa xestión dos residuos, na mellora dos espazos públicos ou na corrección de impactos paisaxísticos

A Xunta recoñeceu o compromiso do Concello da Laracha co medio ambiente e a conservación da paisaxe coa concesión da bandeira verde de Galicia, un distintivo que este municipio recibe por primeira vez e que busca fortalecer a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

Durante o izado deste distintivo, no que estivo acompañado polo alcalde, José Manuel López, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, puxo en valor a ampla actividade municipal nos ámbitos da posta en valor do territorio e da paisaxe.

Nesa liña, puxo como exemplo a iniciativa A Laracha activa e o mar de Caión, que ten como obxectivo reforzar os valores ambientais e patrimoniais do litoral a través tanto da sinalización de roteiros peonís de interese como dun programa medioambiental que proporá actividades que dean visibilidade ao mar como fonte de recursos turísticos.

A maiores, o director do IET lembrou que A Laracha foi un dos primeiros concellos galegos en introducir a xestión integral da fracción en materia orgánica coa implantación do contedor marrón e salientou as accións de sensibilización que leva a cabo de cara á redución e xestión eficiente dos recursos.

A Bandeira Verde de Galicia, creada no ano 2020, pretende distinguir aos municipios máis dinámicos no desenvolvemento de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e para sensibilizar a cidadanía nesta materia. Se na súa primeira edición -2020- se entregaron 2 bandeiras verdes, este ano son 15 os municipios distinguidos, 6 máis que o pasado 2021.

Ademais, na aposta do Goberno galego por unha Galicia verde, no ano 2023 a Xunta destinará 80,6 millóns de euros a actuacións para preservar os espazos naturais e para apoiar aos concellos na boa xestión dos residuos, na mellora dos espazos públicos ou na corrección de impactos paisaxísticos.